
GALICIA - O CDTI habilita dous instrumentos de axudas para acceder ao Fondo Tecnolóxico da UE
Marzo 2008
O Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) habilita dous instrumentos de axudas para a xestión do Fondo Tecnolóxico que lle corresponde a Galicia. Trátase das convocatorias para Proxectos Integrados e para Proxectos de Apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras, que estarán abertas no período 2008-2013.
Os primeiros abarcan grandes proxectos de desenvolvemento tecnolóxico executados por agrupacións de empresas que queiran pór en marcha unha pranta piloto, prototipo ou demostrador. Poderán levalos adiante agrupacións dun mínimo de tres empresas coa participación dun organismo de investigación. O seu orzamento debe superar os 5 millóns de euros.
Os Proxectos de Apoio a Agrupacións Empresariais Innovadoras queren resolver, mediante o uso de tecnoloxías novidosas, problemáticas comúns a un determinado sector ou área de actividade económica, chegando a implantacións tecnolóxicas de validación ou demostración. A duración do proxecto debe ser de dous a catro anos e a agrupación estará formada por un mínimo de catro PEMES e un organismo de investigación. Neste caso o orzamento deberá superar os 2 millóns de euros.
Dos case 406 millóns de euros até 2013 procedentes do fondo tecnolóxico da Unión Europea dos que se beneficiará Galicia para promocionar a I+D+i empresarial, 150 millóns serán coordinados polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI).


