GALICIA - A Xunta abre ata o 2 de xullo as axudas para dinamizar a innovación na pequena e mediana empresa
Junio 2008
Colectivos sectoriais de empresas galegas, consultoras con experiencia no fomento de accións de articulación do sistema de innovación e organismos de intermediación poden obtar á línea de axudas aberta pola Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia para mobilizar, dinamizar e sistematizar a innovación. Trátase dunha convocatoria que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e o prazo para presentar as solicitudes acaba o próximo día 2 de xullo.
Poden ser obxecto destes incentivos as xornadas, seminarios e obradoiros que contribúan a sensibilizar as empresas sobre a importancia dunha axeitada xestión da innovación . Así, son subvencionables o pagamento de conferenciantes, os custos de desprazamentos, o aluguer de salas e a dedicación de persoal da entidade organizadora, ata un máximo de 20.000 euros por evento (100.000 euros no caso de programas con varios eventos).
As axudas contemplan tamén a posibilidade de dinamizar a innovación en colectivos empresariais e contribuír á posta en marcha de proxectos piloto de implantación da xestión da innovación nas pequenas e medianas empresas, sendo subvencionables neste caso os gastos de persoal propio, os de consultaría e formación e outros gastos necesarios, sendo a contía entre 10.000 e 100.000 euros.
Para máis información sobre estas axudas pódese consultar o Diario Oficial de Galicia de 2 de xuño de 2008.



